Compostaxe, residuos e recursos

Compostaxe

Compostaxe en centros da UDC

Ao longo de 2011 implantouse a recollida selectiva e a compostaxe in situ dos residuos orgánicos dos comedores da Facultade de Filoloxía e da Escola Técnica Superior de Arquitectura, con excelentes resultados en canto a calidade do compost obtido e a participación dos diferentes axentes implicados, desde o persoal dos servizos de comedor, até a empresa de xardinería.

A totalidade dos residuos orgánicos xerados nestes centros, algo máis de 5.000 kg en 2011, xunto con outros 2000 kg de restos vexetais triturados, foron convertidos en compost de alta calidade.

No curso 2013-2014 creouse a área de compostaxe de Aparelladores (Praza da Fraga), o que permitiu compostar nese curso uns 10.000 kg de restos orgánicos.

Ligazóns

Outras ligazóns

Comunicacións a congresos


Xestión de residuos

Caracterización de residuos do servizo de limpeza na UDC (Informe 13/14 Elviña - A Zapateira)

Este traballo de caracterización de residuos xerados nos centros dos campus de Elviña e A Zapateira da UDC realizouse no segundo semestre do curso 2013/2014. Os residuos considerados no estudo foron os recollidos polo servizo de limpeza en aulas, corredores, laboratorios, despachos e áreas de administración. Por tanto, exclúense deste informe as fraccións correspondente aos servizos de restauración, así como as fraccións obxecto de recollida selectiva polo propio servizo (sobre todo, papel/cartón).

Os residuos caracterizados teñen como destino o contedor da fracción resto que recolle o servizo municipal. Destaca o feito de que o papel é a principal fracción impropia, a vez que reciclábel, estando presente nunha porcentaxe media do 24%, variando desde o 3% ao 63% segundo o centro. O modelo de segregación e recollida de papel aplicado nas facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación tense mostrado moi eficaz. A súa extensión aos demais centros de Elviña-A Zapateira, permitiría recuperar uns 8.000 kg de papel cada ano, adicionais ás cantidades que se recuperan hoxe co modelo existente.

Caracterización de residuos do servizo de limpeza na UDC

Plan de xestión de residuos no campus de Elviña-A Zapateira da UDC

O Plan de Xestión de Residuos no Campus de Elviña e A Zapateira da UDC describe a situación actual da xestión dos residuos asimilábeis a urbanos (excluídos por tanto os residuos de laboratorios e outros residuos perigosos especiais) e fai propostas de actuación para o futuro inmediato. No “Resumo” do plan identifícanse e selecciónanse as actuacións a desenvolver de forma prioritaria durante o curso 2013-2014.

Re_utilizando: 2caras, 2usos

Re_utilizando é a nova iniciativa da OMA, enfocada á reutilización do papel, e polo tanto, ao seu mellor aproveitamento. Vén de dar comezo na ETS de Arquitectura da UDC, coa idea de estendela despois ao resto dos centros. A elección da ETSA non é casual, senón que nos pareceu oportuno iniciala alí debido á grande cantidade de papel que moven.
O obxectivo desta iniciativa xa se pode intuir a partir do seu eslogan “2caras, 2usos”: se unha folla de papel ten dúas caras, utilicemos ambas.

A campaña consistirá na colocación de caixas de cartón identificadas co seu logotipo e eslogan, en puntos estratéxicos como son a aula net, a biblioteca, a planta de acceso (para a presentación e publicidade da campaña) e a planta -2, a carón da cafetaría e do espazo de traballo que hai ao seu lado.