Misión, visión e valores da UDC

Documento para o Plan Estratéxico 2013-2020, aprobado polo Consello de Goberno do 21 de marzo de 2013 e sometido ao Claustro do 30 de abril de 2013

Misión

A Universidade da Coruña ten como finalidad e contribuír ao avance cultural, social e económico da sociedade por medio da xeración, xestión e difusión de cultura e coñecemento científico, tecnolóxico e profesional. A Universidade da Coruña concibe a súa misión como un servizo público, galego e de calidade.

Forma parte da misión da Universidade da Coruña a formación dunha cidadanía aberta, culta, crítica, comprometida, democrática, cooperativa e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implantar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común.

Son funcións da universidade ao servizo da sociedade:

  1. A creación, o desenvolvemento, a transmisión e a crítica da ciencia, da técnica e da cultura.
  2. A preparación para o exercicio de actividades profesionais que esixan a aplicación de métodos e coñecementos científicos e artísticos.
  3. A difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade da vida e do desenvolvemento económico.
  4. A difusión do coñecemento e da cultura a través da extensión universitaria e a formación ao longo de toda a vida.

Visión

No horizonte do ano 2020 a UDC aspira a ser:

  • Unha universidade que se achegue á sociedade para ser quen de entender as súas necesidades e dar resposta ás mudanzas que se produzan no seu contorno.
  • Unha universidade que colabore con todos os axentes sociais e entidades públicas e privadas para estudar, diagnosticar e a portar solucións aos retos formulados pola sociedade.
  • Unha universidade que xere canles de participación solidaria e se comprometa co desenvolvemento sostible e o medio ambiente mediante a innovación.

Así mesmo a UDC pretende ser:

  • Unha institución docente que ofreza unha formación axustada ás necesidades presentes e futuras do noso contorno e resposte tamén a unha aprendizaxe adaptada ao avance individualizado do discente mediante o fomento de metodoloxías docentes innovadoras e eficaces na adquisición das habilidades e competencias requiridas polas titulacións.
  • Unha institución docente implicada, alén da formación integral das persoas, no desenvolvemento das competencias que melloren a empregabilidade do seu estudantado nos ámbitos locais, estatais e internacionais.
  • Unha universidade que fomenta a creación e desenvolvemento de redes estatais e internacionais de grupos de investigación básica e aplicada que contribúan ao progreso científico, tecnolóxico, económico e social.
  • Unha universidade recoñecida pola transferencia dos seus resultados de investigación mediante iniciativas innovadoras para a posta en valor dos servizos técnicos e científicos dos que dispón e que ofrece o seu Parque Tecnolóxico.
  • Unha universidade que combina a promoción dun coñecemento universal en todas as ramas do saber coa especialización naquelas áreas científicas e tecnolóxicas nas que destaca.
  • Unha universidade que xestiona os seus recursos con eficacia, eficiencia, equidade e transparencia e que dispón dun sistema de financiamento público suficiente e estable, que se complementa coa colaboración do sector privado.
  • Unha universidade con unha proxección internacional cada vez maior de todas as súas actividades docentes e investigadoras.
  • Unha organización dotada dun sistema de dirección estratéxica que favoreza a consecución dos seus obxectivos mediante a implicación e a colaboración do conxunto da comunidade universitaria.

Valores

A UDC, no cumprimento das súas finalidades propias, e como institución pública, civil, autónoma, inclusiva e laica, rexerase polos seguintes valores e principios:

A igualdade de oportunidades mediante a aplicación dos criterios de mérito, capacidade e igualdade e así mesmo mediante a defensa ao acceso universal á universidade e o fomento dunha cultura de non discriminación.

  • O esforzo das persoas como aspecto clave do progreso e do desenvolvemento individual, como a coordinación de vontades e capacida des persoais orientada á resolución de problemas, á superación de conflitos e á consecución dos obxectivos colectivos orientados ao interese común.
  • A participación, fomentando as canles de comunicación entre todos os membros da comunidade universitaria no proceso de toma de decisións, como instrumento para aproveitar toda s as capacidades e os recursos dispoñibles.
  • O compromiso e a responsabilidade social para contribuír activamente á mellora do sistema socioeconómico do noso contorno e implicarnos na xeración de benestar económico para o conxunto da sociedade.
  • O compromiso con Galicia, coa transformación e o desenvolvemento da sociedade galega responsabilizándonos do cultivo, da protección e da transmisión dos valores patrimoniais e culturais, tanto no ámbito artístico como no urbanístico, arquitectónico, documental ou lingüístico.
  • O respecto ao medio ambiente como universidade socialmente responsable, xestionando os recursos á nosa disposición para que xeren o menor impacto ambiental posible e procurando a maior eficiencia e eficacia no seu uso.
  • A eficiencia, como responsables da xestión de recursos públicos para conseguir o seu uso eficaz, orientado a satisfacer as necesidades da sociedade e o ben común.
  • A calidade como meta e vontade de mellora continua na docencia, na investigación, na xestión e nos servizos, co fin de acadar maiores cotas de benestar social.
  • A transparencia como mecanismo de rendición de contas para xustificar as nosas decisións e propiciar a adecuada verificación das nosas actuacións.

Planificación estratéxica