Inscrición encontros 25 aniversario UDC

Encontros UDC25

Vídeo Encontros UDC25: https://www.youtube.com/watch?v=-94434Zlis4

INSCRICIÓN

O encontro é gratuíto e inclúe un xantar informal.
As prazas son limitadas. Adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición ata cubrir aforo.
Enviarase un correo electrónico de confirmación da adxudicación da praza, e a persoa que sexa seleccionada deberá confirmar no prazo de 24 horas por correo electrónico enviado ao SAPE (sape@udc.es) a súa participación no proxecto. De non ser así, a adxudicación será anulada e pasará á persoa solicitante seguinte.

Prazo de inscrición: desde o venres 20 de febreiro ata o luns 9 de marzo ás 14:00 h.
Para inscribirte, preme aquí.

QUE É?

Entre os diferentes proxectos e actividades con que celebrarmos o 25 aniversario da UDC, estase a preparar un encontro entre alumnado egresado e alumnado actual. Encontros UDC25 quere apostar por vincular e conectar de forma afectiva e permanente diferentes persoas que estiveron ou están vinculadas á UDC.
Para cumprir con este obxectivo contamos coa implicación das direccións de todos os centros e tamén coa colaboración dun equipo independente de mediadoras culturais que catalizaron esta iniciativa.

CAL É O OBXECTIVO?

Encontros UDC25 quere crear un espazo informal de conversa e de intercambio persoal e profesional entre todas as persoas participantes. Neste contexto, o alumnado poderá cruzar ideas, enfoques, proxectos, dúbidas, erros, acertos e posibilidades con profesionais en activo, egresados da UDC; en definitiva, compartir unha traxectoria vital, profesional e enriquecerse mutuamente coas novas perspectivas e novos camiños.

Buscamos xerar un espazo de encontro afectivo, con tempos dilatados, que posibilite unha conversa informal, que permita reflexionar xuntos acerca das perspectivas laborais que, con respecto ao mundo actual, existen ou podemos provocar.

QUEN SON OS PROFESIONAIS?

Encontros UDC25 acolle cerca de cincuenta egresados da UDC, profesionais en activo do mundo da empresa, da xestión, da cooperación ou da creación, etc. Moitas destas persoas están a desenvolver proxectos relevantes, con impacto no noso territorio e no territorio internacional; todas elas son persoas que poden contribuír a mudar a nosa mirada cara ao futuro.

QUE IMOS FACER E COMO O FAREMOS?

Para que o intercambio sexa real, formaranse pequenos grupos previamente establecidos polo equipo mediador. Cada grupo contará con un ou dous profesionais en activo e dous ou tres alumnos da UDC.

Unha vez constituído, cada grupo dispoñerá dunhas tres horas para conversar devagar arredor do contexto profesional e laboral dos participantes e decidirá onde e como compartir ese tempo (paseos, café, visitas a diferentes lugares da cidade).

Despois, todos os grupos volverán ao lugar do encontro para compartir un xantar informal xunto con todas as persoas participantes.

Encontros UDC25

DATA: sábado 14 de marzo
LUGAR : Aula Náutica. Dique de Abrigo
HORARIO: 10:30/16:00 h

**** Facilitarase medio de transporte ás persoas participantes do campus de Ferrol.

Ferrol / Coruña: saída ás 09.30 h desde o campus de Esteiro diante da EPS
Coruña / Ferrol: saída ás 16:30 h desde a Aula Náutica

PROGRAMA

10:30.- Benvida do Sr. Reitor da Universidade da Coruña
10:45.- Establecemento dos grupos
11:00.- Encontro e tempo de conversa para cada grupo (paseos, café etc. pola cidade)
14:00.- Volta á Aula Náutica e xantar informal con todas as persoas participantes
16:00.- Peche


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000

dominio .gal