Inscrición e matrícula nas ensinanzas oficiais de mestrado curso 2016/2017

Título V da Normativa de xestión académica 2016-2017

Ámbito de aplicación

O alumnado que desexe iniciar ou continuar os estudos que conduzan á obtención dun título oficial de mestrado da UDC.

Acceso e admisión

24.1. Acceso

24.1.1. Para acceder ás ensinanzas oficiais de mestrado será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro expedido por unha institución de educación superior do EEES que faculte no país expedidor do título para o acceso a ensinanzas de mestrado.

24.1.2. Así mesmo, poderán acceder os titulados conforme a sistemas educativos alleos ao espazo europeo de educación superior, sen necesidade da homologación dos seus títulos, logo de que a UDC comprobe que estes acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e facultan no país expedidor do título para o acceso a ensinanzas de posgrao. O acceso por esta vía non implicará, en
ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outros efectos que o de cursar as ensinanzas de mestrado.

24.2. Admisión

24.2.1. Os estudantes poderán ser admitidos nun mestrado de acordo cos requisitos específicos e os criterios de valoración de méritos que, de ser o caso, foren propios de cada título de mestrado universitario ou que establecer a Universidade da Coruña.

24.2.2. A Universidade da Coruña incluirá os procedementos e os requisitos de admisión, entre os que poderán figurar requisitos de formación previa específica nalgunhas disciplinas, no plan de estudos.

24.2.3. Estes sistemas e procedementos deberán incluír, para o caso de estudantes con necesidades educativas específicas derivadas de discapacidade, os servizos de apoio e asesoramento adecuados que avaliarán a necesidade de posibles adaptacións curriculares, itinerarios ou estudos alternativos.

A admisión non implicará, en ningún caso, ningunha modificación dos efectos académicos e profesionais que correspondan ao título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outro efecto que o de cursar ensinanzas de mestrado.

Preinscrición e matrícula

25.1. O calendario de preinscrición e de matrícula, aprobado polo Consello de Goberno o 28 de abril de 2016, será o que figura no Anexo I.

25.2. Publicada a relación definitiva de persoas admitidas, estas matricularanse, procedendo ao aboamento dos prezos públicos de matrícula de acordo co disposto no artigo 13.3 desta normativa.

25.3. Os alumnos que non estean en posesión dun título universitario poderán acollerse ao procedemento extraordinario de preinscrición nos mestrados universitarios conforme ao establecido no acordo adoptado polo CG da UDC o 23/03/2015.

25.4. As solicitudes de matrícula realizadas fóra dos prazos establecidos para este fin serán resoltas, grazas á desconcentración de competencias, polos decanos ou directores dos centros (os modelos correspondentes figuran nos Anexos XII e XIII). Contra a súa resolución poderá presentarse recurso de alzada perante o reitor.

25.5. Matrícula no primeiro curso en titulacións de mestrado universitario

Os estudantes que iniciasen os estudos correspondentes a estas titulacións poderán matricularse de acordo coas seguintes opcións, segundo a Norma que regula o réxime de dedicación ao estudo e a permanencia e a progresión dos estudantes de Grao e Máster Universitario na Universidade da Coruña:

a) Opción preferente: matrícula a tempo completo:

Os estudantes admitidos por primeira vez no primeiro curso dos estudos de mestrado universitario con dedicación a tempo completo, deberán matricularse de 60 créditos correspondentes ao primeiro curso da titulación.

b) Opción que deberá xustificar o/a estudante: matrícula a tempo parcial:

De acordo co disposto na norma mencionada: Son estudantes de primeiro curso/primeira vez con dedicación ao estudo a tempo parcial aqueles aos que se lles autorice a efectuar a súa matrícula neste réxime, que nunca poderá ser inferior a 24 créditos, nin superior a 48, tras acreditaren coa súa solicitude que se atopan nalgún dos supostos que se enumeran no artigo 8 da norma citada e de acordo cos procedementos establecidos nos artigos 7 e 9.

A Comisión de selección do Máster de cada Facultade ou Escola será o órgano encargado de resolver as solicitudes en base ás circunstancias acreditadas polos solicitantes, sen que en ningún caso o número de solicitudes autorizadas poida superar o 30% do número de prazas que se ofertan a primeiro curso en cada ano académico. No suposto de que non se cubrise na súa totalidade a oferta de prazas realizada, non será necesario aplicar esa limitación para o réxime de matrícula a tempo parcial; porén deberá respectarse en todo caso o número de prazas que se oferten a primeiro.

Por conseguinte, establecerase un sistema de selección que, en calquera caso, terá en conta a nota media do expediente académico correspondente aos estudos universitarios que dan acceso ao Máster. O procedemento seguirá o establecido no Capítulo II da norma citada no primeiro parágrafo deste apartado e as solicitudes serán resoltas, por desconcentración das competencias do reitor, polo presidente da Comisión de selección (os modelos correspondentes figuran nos Anexos XIV e XV). Contra a súa resolución poderá presentarse recurso de alzada perante o reitor.

A súa matrícula producirá os efectos descritos no art. 6 desa norma.

Os solicitantes desta opción deberán aprazar o pagamento da súa matrícula ao presentar a solicitude mencionada, até que se resolver o seu pedimento.

Se o/a estudante non resulta seleccionado/a para a opción de matrícula a tempo parcial, poderá optar pola matrícula a tempo completo ou, de ser o caso, renunciar á praza que lle fose adxudicada pola Comisión de selección do Máster, no seu caso.

25.6. Matrícula de continuación de estudos nas titulacións de mestrado universitario

25.6.1. Poderán formalizar a súa matrícula de continuación de estudos de mestrado universitario aqueles alumnos que pretendan continuar os seus estudos na mesma titulación en que estiveron matriculados no curso /2016 ou noutros cursos anteriores, sen prexuízo do establecido no artigo 27 desta normativa.

25.6.2. De acordo co disposto no art. 4 da Norma que regula o réxime de dedicación ao estudo e a permanencia e a progresión dos estudantes de Grao e Máster Universitario na Universidade da Coruña, o alumnado de continuación de estudos de mestrado universitario, con dedicación a tempo completo deberá matricularse dun número superior a 48
créditos, que nunca poderá superar os 78, agás aquel ao que lle restar un número inferior de créditos para rematar os seus estudos. Poderase alcanzar unha matrícula dun número superior de créditos cando esta estea condicionada por obrigas académicas establecidas no plan de estudos: ordenación temporal dos estudos, prelacións ou pre-requisitos pola compatibilidade horaria das materias a matricular.

25.6.3. De acordo co disposto no artigo e norma citados no anterior apartado: Son estudantes de continuación de estudos con dedicación a tempo parcial aqueles que realicen unha matrícula que nunca pode ser inferior a 24 créditos, agás que lle reste un número inferior para rematar os seus estudos, nin superior a 48 créditos. A Comisión de
selección do Máster de cada Facultade ou Escola será o órgano encargado de resolver as solicitudes en base ás circunstancias acreditadas polos solicitantes, tras acreditaren que se atopan nalgún dos supostos que se enumeran no artigo 8 desa norma e de acordo co procedemento establecido no seu artigo 9.

O procedemento seguirá o establecido no Capítulo II da norma citada no primeiro parágrafo deste apartado e as solicitudes serán resoltas, por desconcentración das competencias do reitor, polo presidente da Comisión de selección (os modelos correspondentes figuran nos Anexos XIV e XV). Contra a súa resolución poderá presentarse recurso de alzada perante o reitor.

Os solicitantes desta opción deberán aprazar o pagamento da súa matrícula ao presentar a solicitude mencionada, até que se resolver o seu pedimento.

Se o/a estudante non resulta seleccionado/a para a opción de matrícula a tempo parcial, deberá optar pola matrícula a tempo completo.

Naqueles casos en que os créditos de formación básica e obrigatorios pendentes de cursos anteriores superen o número de créditos nos que queira matricularse o alumno a tempo parcial, non será necesario que se matricule de todos eles.

25.7. Realizarase a matrícula do TFM de acordo co establecido no artigo 1 da Normativa reguladora da matrícula e a defensa do Traballo Fin de Grao (TFG) e do Traballo Fin de Mestrado (TFM), aprobada polo Consello de Goberno do 19 de decembro de 2013.

Para poder formalizar a matrícula do TFM será requisito imprescindible matricularse tamén de todas as materias necesarias para rematar o plan de estudos do mestrado.

Matrícula en cursos extinguidos de titulacións de mestrado

O alumnado de continuación de estudos de mestrado, unha vez extinguido cada curso por calquera das causas mencionadas nos puntos 1.º e 3.º da Instrución 1/2012-2013, da Vicerreitoría de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, mediante a que se establecen as garantías dos dereitos académicos dos alumnos de títulos oficiais de grao e mestrado, que estean incursos en procesos de modificación, supresión ou extinción dos seus títulos ou dos
seus planos de estudos, disporán dunha convocatoria con dúas oportunidades de exame no mesmo curso académico no que se produciu a extinción, para superar as materias ou as disciplinas pertencentes ao ese curso académico extinguido.

Impedimentos para a formalización da matrícula de continuación de estudos de mestrado universitario. Permanencia

Ao abeiro do artigo 5 da Norma que regula o réxime de dedicación ao estudo e a permanencia e a progresión dos estudantes de Grao e Máster Universitario na Universidade da Coruña, os estudantes de primeiro curso, por primeira vez, matriculados en réxime de dedicación a tempo completo, deberán superar nese curso académico polo menos 18
créditos. Se o título no que estivesen matriculados dese acceso a unha profesión regulada, deberán superar un mínimo de 12 créditos no primeiro ano académico no que estivesen matriculados.

Os estudantes de primeiro curso, por primeira vez, matriculados en réxime de dedicación a tempo parcial deberán superar nese curso académico polo menos 12 créditos. Se o título no que estivesen matriculados dese acceso a unha profesión regulada, deberán superar un mínimo de 6 créditos no primeiro ano académico no que estivesen matriculados.

Os estudantes de continuación de estudos, matriculados a tempo completo, deberán superar un mínimo de 60 créditos cada dous anos académicos. Se o título no que estivesen matriculados dese acceso a unha profesión regulada, deberán superar un mínimo de 60 créditos cada tres anos académicos.

Os estudantes de continuación de estudos, matriculados a tempo parcial, deberán superar un mínimo de 30 créditos cada dous anos académicos. Se o título no que estivesen matriculados dese acceso a unha profesión regulada, deberán superar un mínimo de 30 créditos cada tres anos académicos.

Aquel estudante que non cumprise os requisitos mencionados nos apartados anteriores, non poderá proseguir os mesmos estudos na UDC. Non obstante poderá cambiar de universidade e/ou de titulación conforme se dispón no artigo 11 da norma mencionada.

Coordinación dos mestrados e comisión de selección

28.1. Cada mestrado universitario estará coordinado por un/ha profesor/a coordinador/a que será nomeado/a de acordo co disposto no apartado 1 do artigo 7 da Normativa pola que se regulan as ensinanzas oficiais de grao e mestrado universitario na UDC, aprobada polo Consello de Goberno do 27/06/2012, modificada o 19/12/2013.

28.1.1. Para a selección dos estudantes, a dirección do centro nomeará unha comisión que estará presidida polo coordinador do mestrado e da cal formarán parte, como mínimo, tres profesores con docencia nel e a persoa responsable da administración do centro, que custodiará a documentación recibida. A devandita comisión elixirá, entre os seus membros, un/ha secretario/a, que redactará as actas das reunións e que certificará os seus acordos. A
composición desta comisión farase pública no taboleiro da facultade ou escola e nas web destas, no caso de existir.

28.1.2. Cada comisión de selección deberá constituírse antes do inicio do proceso de admisión de alumnos. Antes da apertura deste prazo de admisión, as comisións elaborarán e publicarán, no taboleiro de anuncios e na web do centro, o baremo que empregarán para valorar as solicitudes presentadas para cada mestrado.

Finalizada a baremación, as comisións de selección elaborarán dúas listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas en que se especificará o motivo da exclusión, de ser o caso. A listaxe de admitidos distinguirá as solicitudes de admisión a tempo completo e as solicitudes de admisión a tempo parcial.

Estableceranse en ambos os casos a correspondente listaxe de agarda.

Tras o prazo de reclamacións ás listaxes provisionais e unha vez que estas se resolvan pola comisión, o secretario desta entregará na administración do centro as listaxes definitivas, que conterán a puntuación concedida a cada solicitante. A administración do centro será a encargada de introducir os datos na aplicación informática elaborada para o proceso de admisión.

As comisións de selección dos mestrados interuniversitarios seguirán os procedementos establecidos nos respectivos convenios.

28.1.3. Para acceder aos estudos de mestrado, o alumnado con títulos estranxeiros de sistemas educativos alleos ao EEES, sen homologar, que faculten no país expedidor do título para o acceso a ensinanzas de posgrao, tamén deberá presentar na administración do centro correspondente, xunto coa solicitude de acceso, unha “solicitude de equivalencia de estudos estranxeiros aos estudos oficiais españois”, dirixida ao reitor, pola que aboará as taxas correspondentes en todo caso antes de formalizar a súa matrícula.

Unha vez que a comisión de selección pertinente comprobe que os solicitantes acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos españois de grao, e que no país expedidor do título este faculta para o acceso a estudos de posgrao, remitiralle a través da administración do centro a súa proposta ao reitor, que resolverá de acordo coa proposta realizada.

28.1.4. Todas as solicitudes formuladas por persoas con títulos académicos estranxeiros de sistemas educativos alleos ao EEES deberán ir acompañadas da seguinte documentación, traducida a calquera das dúas linguas oficiais na Universidade da Coruña:

a) Título que dá acceso ao mestrado
b) Certificado expedido por autoridade competente que exprese que o título do que estea en posesión o interesado facilita, no país expedidor deste, para o acceso a ensinanzas de mestrado ou de posgrao.
c) Certificación académica

Non obstante, a comisión de cada mestrado poderá requirir, de o considerar preciso, a entrega doutra documentación.

A citada documentación deberá presentarse polos interesados convenientemente legalizada, ou coa Apostila da Haia (no caso de títulos obtidos en universidades pertencentes a países que subscribisen o correspondente convenio) na administración do centro en que se imparte o mestrado, en todo caso antes de formalizaren a súa matrícula.

Reclamación e recursos

Os estudantes que non foren admitidos poderán presentar unha reclamación ante a comisión de selección correspondente, mediante unha instancia motivada dirixida a quen a presidir, que entregará na administración do centro nos dous días hábiles seguintes á data de publicación das listaxes provisionais.

A devandita comisión resolverá as reclamacións, e publicará no taboleiro de anuncios do centro a relación definitiva de persoas admitidas.

Contra esta resolución cabe interpoñer un recurso de alzada perante o reitor.

Desistencia e modificación da matrícula

Os estudantes poderán solicitar a desistencia ou a modificación da matrícula de acordo co que se dispón a seguir.

30.1. A desistencia total da matrícula só se estimará de se solicitar como data tope o día 30 de novembro de 2016, inclusive, sen prexuízo do disposto na epígrafe 30.5 desta normativa.

A estimación da solicitude de desistencia total de matrícula realizada antes da data indicada poderá levar consigo a devolución dos prezos públicos aboados, agás os correspondentes á tarifa terceira do decreto da Xunta de Galicia de prezos públicos de nivel universitario.

Xa que logo, alén do prazo indicado o estudante deberá constar como alumno nas actas oficiais correspondentes ao curso académico coas cualificacións que corresponder.

30.2. A solicitude de desistencia parcial de matrícula, correspondente a/s materia/s do segundo cuadrimestre, resolverase conforme se establece nos apartados 30.5 e 30.6 destas normas.

No expediente do estudante ao que lle fose estimada a solicitude de desistencia parcial de matrícula constarán todas as cualificacións que obtiver no 1.º cuadrimestre e, se é o caso, aqueloutras cualificacións que obtiver en materias do 2.º cuadrimestre.

30.3. A modificación da matrícula enténdese como a ampliación de materias e/ou como a substitución dunha materia por outra, ou por materias cun número de créditos igual ou similar. Estas novas materias teñen que ser elixidas entre as que estivesen en condición de matrícula durante o período de matriculación. Os prazos máximos para solicitar a
modificación son os seguintes:

a) Ampliación e/ou substitución de materias do primeiro cuadrimestre, ou de materias anuais: até o 30 de setembro de 2016.

b) Ampliación e/ou substitución de materias do segundo cuadrimestre ou anuais: até o 10 de febreiro de 2017.

c) O alumnado de continuación de estudos de mestrado poderá solicitar a ampliación no número de créditos que considere, respectando o disposto na memoria verificada do seu título.

30.4. Aceptarase a ampliación de matrícula en materias, sempre que nestas non se realizase a primeira convocatoria ordinaria ou oportunidade de exame, e tamén a posibilidade de anulación parcial de materias, nos casos seguintes:

a) Ampliación de matrícula en materias e/ou anulación parcial de materias, co obxecto de que o/a estudante poida beneficiarse de bolsas convocadas polo Ministerio de Educación, a Xunta de Galicia, a UDC ou calquera outro organismo, público ou privado.

b) Ampliación de matrícula en materias por ditarse resolución positiva de recoñecemento de créditos, sempre que se solicitasen no período ordinario de matrícula.

Con independencia da presentación ou non do recurso que proceder contra a citada resolución de recoñecemento de créditos ECTS, o alumnado deberá matricularse no prazo indicado na resolución.

30.5. Non obstante o indicado nos apartados precedentes, o reitor poderá estimar en calquera momento a solicitude de desistencia total ou parcial da matrícula, a súa modificación e resolver a súa anulación, naquelas situacións en que concorreren circunstancias excepcionais debidamente motivadas polas persoas interesadas. A resolución poderá levar consigo, no seu caso, a devolución dos prezos públicos aboados que corresponder.

30.6. A competencia para resolver as situacións derivadas das epígrafes 30.1, 30.3 e 30.4 corresponderalles aos decanos ou directores dos centros, por desconcentración das competencias do reitor, nos prazos que se estableceren en cada caso. Contra a súa resolución caberá recurso de alzada perante o reitor.

A competencia para resolver a situación prevista na epígrafe 30.2 correspóndelle ao reitor ou vicerreitor en que delegue. Contra a súa resolución caberá recurso potestativo de reposición perante o reitor ou recurso contencioso-administrativo.
30.7. En calquera caso, para os efectos de coordinación cos procedementos de solicitude de bolsas, enviaráselle sempre unha copia das resolucións que se ditaren á unidade competente na tramitación destas.

Simultaneidade

31.1. Os alumnos que desexaren simultanear estudos deste nivel no mesmo ano académico deberán facer a súa solicitude ante o/a presidente/a de cada comisión a través das administracións dos centros en que se imparten os correspondentes mestrados. Cumprirá que sinale cal é o seu título preferente de entre aqueles que pretende simultanear.

A resolución das solicitudes de simultaneidade de estudos delégase, ao abeiro do disposto no artigo 2.1, da Orde do Ministerio de Educación e Cultura de 28 de setembro de 1984, nos decanos ou directores dos centros (os modelos correspondentes figuran nos Anexos V e VI).

31.2. Non poderán simultanearse dúas titulacións agás se ao rematar o proceso de admisión resultasen prazas vacantes na segunda titulación ou titulación non-preferente.

En calquera caso, a concesión da simultaneidade determinarase pola media do expediente académico do título que dá acceso ao Máster.

31.3. O alumnado que posúa a condición de solicitante de simultaneidade de estudos aprazará o pagamento do prezo da matrícula ao presentar o xustificante que acredite a solicitude da simultaneidade de estudos até que se ditar a súa resolución positiva.

Prezos de matrícula

Os estudos conducentes á obtención dun título oficial de mestrado xerarán os prezos públicos que determinar a Comunidade Autónoma de Galicia. A xestión dos prezos públicos dos mestrados realizarase de acordo coas normas de aplicación que no ámbito das súas competencias poida ditar esta universidade.

As disposicións previstas no artigo 13 para as titulacións de grao, serán de aplicación supletoria, de ser necesaria, ás ensinanzas oficiais de mestrado.

 

Normativa de xestión académica 2016-2017