Formación complementaria

O panorama da sociedade actual impón a condición de dominio de idiomas e informática como premisa fundamental, en moitos casos, para o desenvolvemento dun traballo. A Universidade da Coruña dispón desta formación, no seu compromiso de facilitar e axudar na introdución laboral dos estudantes. Ademais, para que o estudante poida rendibilizar ao máximo o seu paso pola universidade, o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa ofrece cursos de aproveitamento da aprendizaxe.

Centro de linguas

O Centro de Linguas busca proporcionarlle á comunidade universitaria unha sólida formación complementaria en linguas estranxeiras.

As linguas incluídas, actualmente, no plano de ensino son o inglés, o francés, o alemán, o italiano e o portugués. A metodoloxía de traballo, eminentemente práctica, coida tanto a expresión e comprensión escrita como a oral.

Alén diso, o plano de ensino do centro complétase con cursos de galego e de español dirixidos ao estudantado de mobilidade Erasmus.

AFI

A Aula de Formación Informática ten o obxectivo de reforzar os coñecementos informáticos da comunidade universitaria en todos os niveis. A oferta de cursos, moi variada, busca chegar tanto a usuarios non habituais de ferramentas informáticas, mais coa necesidade de aprendizaxe dun determinado programa ou tecnoloxía, como aos máis avanzados, coa motivación de acadar un maior grao de especialización nunha tecnoloxía en concreto.

O plano de ensino organízase en dúas series por ano académico, unha por cuadrimestre, e os cursos teñen lugar tanto na Coruña como en Ferrol. A temática é diversa: procesadores de texto, follas de cálculo, deseño web, bases de datos, programación, fotografía dixital, aplicacións para telefonía móbil, Autocad, configuración de PC, administración de sistemas... A meta é abarcar o máximo posible de diferentes tecnoloxías.

CUFIE

Trátase de dar a formación e o asesoramento necesarios para os procesos de ensino e aprendizaxe atendendo aos cambios do sistema educativo resultado da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. O alumnado pode optar ao Plano de apoio á aprendizaxe en que, segundo as súas necesidades, se ofrecen cursos de técnicas de estudo, internet como apoio á formación, técnicas de relaxación, traballo en grupo, exposición oral e escrita ou habilidades sociais.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000

dominio .gal