Espazo Europeo de Educación Superior (EEES)

Un total de 46 países de Europa están adheridos ao que se deu en chamar o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) que ten como finalidade acadar un sistema universitario comparable e compatible, con titulacións recoñecidas en todas as universidades implicadas. Isto quere dicir que a universidade española, a UDC entre elas, está en pleno proceso de transformación dos actuais títulos universitarios, que terá que estar completado en 2010.

Este novo sistema universitario está baseado na implantación dun sistema de títulos con validez en todo o espazo europeo e ofrécelle ao estudantado unha maior mobilidade, posto que poderá completar estudos noutras universidades do ámbito europeo con maiores facilidades, á vez que se potencia a calidade docente. Facilita o acceso do alumnado universitario ás oportunidades de estudo e formación e, asemade, favorece a empregabilidade e a competitividade dos titulados.

Todas as titulacións terán que pasar por unha fase de verificación e outra de autorización antes de se implantaren. Alén diso, cada seis anos haberá ciclos de revisión de obxectivos para que os títulos poidan acreditarse.

As tendencias europeas pasan por establecer un sistema educativo de tres ciclos de ensinanza, por unha grande autonomía universitaria e mais pola transparencia e equiparación dos títulos impartidos.

Niveis de estudo do novo modelo

O Espazo Europeo de Educación Superior ten tres niveis: grao, máster e doutoramento, de xeito que un alumno ou alumna que comeza os seus estudos universitarios con 18 anos, pódese graduar aos 22, ter un mestrado aos 24 e aos 27 acadar o nivel de doutor/a.

O primeiro título será graduado en T pola Universidade U. Consta de 240 créditos ECTS (European Credit Transfer System) na maioría dos casos existen excepcións como Medicina ou Arquitectura. As titulacións de grao habilitan para o exercicio profesional na maioría dos casos, aínda que nalgunhas como o caso da profesión de profesor/a de ensino secundario, será necesario cursar a maiores un mestrado.

Máster Universitario T pola Universidade U. Consta de entre 60 e 120 créditos. Poderá acceder aquel alumnado que tiver unha titulación oficial de grao ou equivalente.

Doutor/a pola Universidade U. Inclúe un período de formación, equivalente a un mestrado, e un período de investigación. É o máximo nivel académico.

O Real decreto polo que se establece a ordenación das ensinanzas oficiais pode consultarse aquí.

Créditos ECTS

Nesta nova concepción académica, o estudantado terá un peso fundamental, xa que pasa a ser o protagonista. A nova proposta apunta cara a unha formación máis personalizada en que se valorará de xeito especial o esforzo e a dedicación ao estudo mediante os créditos ECTS.

O ECTS é un novo xeito de medir o esforzo académico por parte do/a estudante, que cambia o até agora válido concepto de 1 crédito=10 horas lectivas. Coa medición ECTS valórase o volume do traballo total que o/a estudante debe realizar para adquirir os obxectivos académicos fixados nos planos de estudo, e inclúe o tempo que o alumnado pasa fóra das aulas a preparar as súas materias. O valor do crédito ECTS está entre 25-30 horas de carga de traballo do alumnado.

O Real decreto que establece o sistema de créditos europeos e cualificacións dos títulos oficiais pode consultarse aquí.

Suplemento europeo ao título

O Suplemento Europeo ao Título é un documento que lles engade información aos títulos universitarios de carácter oficial. Contén información personalizada para cada estudante sobre os estudos realizados, os resultados obtidos, as capacidades profesionais adquiridas e o nivel da titulación dentro do sistema nacional de educación superior.

Este documento favorece a transparencia das titulacións, fomenta a mobilidade do estudantado e dos titulados dentro dun contexto europeo, e facilita o recoñecemento académico e profesional dos estudos realizados.

O Real decreto polo que se establece o procedemento para a expedición polas universidades do suplemento europeo ao título pode consultarse aquí. 

Titulacións non adaptadas ao EEES

Todas as titulacións universitarias terán que estar adaptadas ao novo modelo no curso 2010/2011. A Universidade da Coruña comezou no curso 2008/2009 co implantación do grao en Terapia Ocupacional e o grao en Socioloxía, e para o vindeiro curso, 2009/2010, ten previsto a implantación de 24 graos máis, que supoñen a transformación doutras tantas licenciaturas, diplomaturas e enxeñarías técnicas. Estes 24 graos están suxeitos á verificación por parte da ANECA (Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y la Acreditación) e á posterior aprobación pola comunidade autónoma para a súa implantación.

O estudantado que cursa estudos de planos non adaptados manterá todos os seus efectos académicos e profesionais a todos os niveis. Unha vez que os planos comecen a se extinguir vai desaparecendo curso a curso a docencia, mais o alumnado terá garantidos os procedementos que lle permita superar materias pendentes en cursos posteriores.

Pola súa banda, aquel estudantado que quixer cambiar aos títulos de grao poderá facelo a través dun sistema de recoñecemento de créditos realizados habilitado pola universidade. 

Calendario lectivo

A Universidade da Coruña comezou o curso 2008/2009 con dous calendarios lectivos: un para as titulacións de primeiro e segundo ciclo, e outro para os novos graos e mestrados.

O período académico para as titulacións non adaptadas ao EEES é do 1 de outubro de 2009 ao 30 de setembro de 2010, mentres que para os estudos de grao e máster o calendario lectivo comprende do 21 de setembro de 2009 a 31 de xullo de 2010, de modo que se adianta a convocatoria de setembro ao mes de xullo.

Os calendarios para o vindeiro curso atópanse aquí:

Para os graos, etc.

Para as titulacións non adaptadas. 

Vantaxes da transformación

Desde o curso 2006/07, coa implantación dos primeiros mestrados oficiais, a UDC está inmersa nun proceso de adaptación á nova estrutura das ensinanzas. No curso 2010/2011 as actuais titulacións deberán estar transformadas nos correspondentes títulos de grao ou mestrado. Os centros da nosa universidade están a facer un enorme esforzo para adaptar as súas titulacións ao novo marco europeo, algúns foron pioneiros na implantación de programas pilotos e grupos de traballo, así mesmo os seus responsables están en contacto cos homólogos doutras universidades e participan activamente nas correspondentes reunións dos equipos decanais, na elaboración de libros brancos da titulación etc.

Flexibilidade e mobilidade. O alumnado do EEES poderá escoller se realiza os seus estudos a “tempo parcial” ou a “tempo completo” o que permitirá compatibilizar os seus estudos con outras actividades profesionais se así o desexar. O sistema de créditos ECTS permite reflectir no seu expediente as materias cursadas e superadas nunha linguaxe que favorece a mobilidade entre diferentes titulacións e/ou países sen a excesiva burocracia actual.

O suplemento europeo ao título describe o historial do alumnado tanto nas materias cursadas para a obtención do título como noutras actividades que o alumnado realizou durante a súa estadía na universidade. Este suplemento é o pasaporte académico do alumnado que evita as actuais homologacións de títulos dentro do EEES.

Calidade. As propostas dos títulos oficiais deben ir acompañadas do Sistema de Garantía de Calidade do centro onde se imparten, nel establécense os procedementos para facer un seguimento da titulación, para comprobar se se cumpren os obxectivos e os resultados previstos, así como o xeito de corrixir os defectos que se detectaren.

En cada título oficial establécense uns compromisos (obxectivos do título, taxas de graduación, taxas de abandono, resultados da aprendizaxe…) que serán revisados cada seis anos; o título será acreditado de se cumpriren os devanditos compromisos.

Outros xeitos de ensinar e de aprender. O estudantado enténdese agora como un “traballador do estudo”, é o verdadeiro protagonista da aprendizaxe, fomentarase a súa participación activa no seu propio proceso de aprendizaxe e irá adquirindo autonomía no trazado e desenvolvemento da súa formación. O profesorado terá tamén diferentes actividades relacionadas coa docencia, ao ter que reconsiderar as formas de ensino introducindo outras metodoloxías didácticas, de modo que alén das clases expositivas, existirán clases en grupos pequenos en que se debe fomentar a participación, a discusión, o estudo de casos prácticos etc. As titorías non só serán individuais, senón que tamén se realizarán en pequenos grupos organizados.

Para conseguir unha boa adaptación ao novo sistema cómpren infraestruturas e medios humanos e materiais axeitados. A UDC está a facer cambios nos espazos e a adquirir medios para mellorar a calidade da docencia e favorecer estes diferentes tipos de actividades.

As competencias. O alumnado ao rematar os seus estudos terá adquiridas unhas determinadas competencias. As competencias neste contexto implican un novo xeito de definir os obxectivos que se perseguen para a formación do alumnado. Son funcións que o estudantado terá que ser quen de desenvolver para xestionar problemas relevantes no ámbito da súa futura profesión.  

Comunicado de Lovaina (29/04/2009)

Versión orixinal en inglés

Versión traducida ao castelán


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000

dominio .gal