Plano de Apoio á Aprendizaxe (PAA)

A Universidade da Coruña, a través da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, presenta xunto co Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) o seu Plano de Apoio á Aprendizaxe, centrado en completar a formación dos estudantes da nosa universidade en aquelas competencias transversais que melloren a súa preparación tanto académica como de cara ao seu futuro profesional.

Este plano pretende proporcionar ao alumnado os recursos necesarios para afrontar, nas mellores condicións posibles, os retos do novo ensino universitario dentro do Espazo Europeo de Educación Superior. Neste novo contexto, o estudantado debe poñer en práctica durante a súa formación na universidade unha serie de competencias que se traballan transversalmente nas titulacións e que este plano de formación completa e reforza.

O Plano de Apoio á Aprendizaxe enmárcase dentro do Plano Director Docente 2014-2015, e é resultado do proceso de avaliación da docencia que se realizou no curso 2013-2015. Avaliar para formar é o sentido, por tanto, do proxecto global en que esta iniciativa formativa se integra.

Esperamos e desexamos que esta oferta, que é completada con outras dirixidas ao profesorado, sexa útil e valiosa para o alumnado e que cumpra a función para a que foi deseñada.