Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal

O Instituto Universitario de Xeoloxía "Isidro Parga Pondal" é o resultado da colaboración entre dúas entidades galegas, a Universidade da Coruña e o Laboratorio Xeolóxico de Laxe (Fundación Isidro Parga Pondal), concretado ata o momento en diversas actividades científicas e investigadoras entre as que se inclúen o desenvolvemento de proxectos de investigación teórica e aplicada, a coedición de publicacións científicas e a organización de cursos monográficos, conferencias e congresos científicos.
O Instituto ten carácter multicéntrico e, tendo en conta a variedade e a diversidade das disciplinas relacionadas coa xeoloxía, é multidisciplinar. No Instituto teñen cabida todas aquelas disciplinas relacionadas directamente coa xeoloxía, mais tamén outras que se desenvolven nos distintos centros da Universidade da Coruña.
Ten, igualmente, unha vocación integradora de todas aquelas disciplinas ou coñecementos que, malia non seren propiamente xeoloxía, se relacionan intensamente con ela e permiten unha utilización máis racional dos recursos da Universidade da Coruña e dunha institución netamente galega como é o Laboratorio Xeolóxico de Laxe de indubidable enraizamento na cultura, a historia e a ciencia de Galicia.

Enderezo

  • Edificio de Servizos Centrais de Investigación, Campus de Elviña. 15071 - A Coruña.